O libro, escrito pola xornalista vilagarciá Montse Fajardo, fala da represión directa pero tamén do seguir adiante das familias afectada

No acto, que  será na Casa Casares Quiroga o venres, 1 de abril, ás oito da tarde, a autora estará acompañada por Manolo Pazos e Luís Bará

A Coruña, 30 de marzo de 2016. A  Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) organiza o acto de presentación do libro “Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu”, da xornalista vilagarciá Montse Fajardo. Será o vindeiro venres 1 de abril, ás 20 horas, na Casa Casares Quiroga.

No acto intervirán José Manuel Pazos, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Luís Bará, autor do blog “Non des a esquecemento” e a autora de “Un cesto de mazás”, a xornalista Montse Fajardo.

Un libro conmovedor sobre a represión e o tempo do silencio

“Un cesto de mazás. (Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu)” recolle dezaseis historias de represión contadas por persoas moi próximas ás protagonistas, incluida a de María Vázquez, mestra de Miño detida na Coruña e salvaxemente asasinada.

Fala de paseos, paredóns, tobos nas cortes, cárcere, exilio, depuración, guerra… de vítimas directas, pero tamén daquelas que nin sequera son consideradas como tal. “Un cesto de mazás” vai máis alá dos feitos, da guerra, do asasinato, das torturas e afonda nas consecuencias que a represión tivo para as viúvas, as nais, os pais, as criaturas que quedaban orfas.  Fala do seu sentir, do ronsel de memoria e dor que arrastraron tras de si e que é preciso sacar do esquecemento. Fala de nais que buscan polos camiños escuros á Santa Compaña para ver por última vez ao fillo fusilado, de nenas que non poden entrar na escola por ser irmás de rojos, de orfos que se orientan polo pau da luz para atopar tumbas sen dereito a nome.

“Un cesto de mazás” é unha homenaxe imprescindíbel ás vítimas esquecidas da nosa recente Historia.

 

A autora

foto-capa-libroMontse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un master en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, pero a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo, é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos e televisivos e conduce o programa de entrevistas En Positivo de Arousa TV.

Ademais participa no programa A memoria das mulleres, promovido polo Concello de Pontevedra.

Un cesto de mazás é o seu segundo libro. Despois do éxito acadado con “Matriarcas”, que esgotou tres edicións en apenas uns meses, a xornalista volve cun novo traballo de memoria oral en Galiza, que veu a luz o pasado setembro e leva xa máis dun millar de exemplares vendidos.