Pepe Miñones e o xornalismo: a revista Nerio

Nerio representa outra das moitas facetas de Pepe Miñones, o da súa relación co xornalismo.

Miñones tiña colaborado xa en diferentes publicacións, pero será en 1920 cando se decida a fundar esta publicación que terá unha vida demasiado curta, deixando de editarse en setembro do ano seguinte.

Comezou sendo, como así rezaba o seu subtítulo, unha Revista quincenal independiente: Órgano defensor de los intereses de la comarca. Nas súas páxinas Pepe Miñones deixou publicadas moitas das súas liñas de actuación políticas e das reivindicacións que reclamaba para a Costa da Morte, dende o xa tratado Tren das tres C ata a creación de Neria, a nova localidade que tiña que nacer da fusión entre Corcubión e Cee.

Era un proxecto a nivel comarcal, xa que contaba con correspondentes en diferentes localidades da zona e incluso con colaboradores entre os emigrantes de Cuba e Arxentina. Trataban todo tipo de temas, dende a relación de novas de actualidade (sociedade, marítimas, agrícola, etc) a traballos históricos e literarios, ca participación de personaxes da zona como Gonzalo López Abente, Víctor Castro Rodríguez, Emilio Waldemar, Esmorís Recamán, Lastres Carrera ou Evaristo Vázquez Mouzo.

Mudou o seu subtítulo nos tempos en que Miñones facía campaña por ese tren que unise A Coruña con Carballo e Corcubión, pasando a denominarse Órgano de defensa Corcubión-Muros.

Dende o peche de Nerio en 1921 non aparece ningunha outra publicación periódica en Corcubión ata 1982, sendo polo tanto un símbolo de progreso que en todo momento estivo ligado a esa faceta xornalística do noso homenaxeado como Republicano de Honra 2018.

Cabeceira de Nerio

Fontes:

Luís Lamela – Pepe Miñones: Un crimen en la leyenda (1900 – 1936), Ediciós do Castro, 1991.
Miro Villar. A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890. Xornal Que pasa na costa.