Pepe Miñones e o tren Coruña – Carballo – Corcubión

Contaba Blanco Amor nun número da revista Alborada de 1942, que durante os seus anos mozos gastou boa parte dos seus esforzos redactando artigos nos que reclamaba continuamente melloras no precario sistema ferroviario galego. Anos despois, nos tempos da República, presentáronlle no café Zahara de Madrid a un mozo de cabeza ergueita, fronte arriscada e limpa, e ollos inquedos e francos. Tiña mans fortes e cordiales e falaba outo, con voz inteira de timbre abaritonado. Advertíase n´il unha natural fidalguía e un temperanto dinámico i-entusiasta, sofrenando de xestos por unha superior prestancia de señor, de verdadeiro señor galego.

Explica que este home, que non era outro que Pepe Miñones, ao escoitar o seu nome rompeu a rir e abrazouno mentres lle espetaba:

  • “Veña para acá, meu polemista ferroviario de fai catro anos!”

E é que Miñones, que era home de acción, viña reclamando dende facía un tempo a creación do chamado Tren das tres CCC, que tiña que unir as vilas da Coruña, Carballo e Corcubión, axudando deste modo a mellorar a economía da Costa da Morte, uníndoa directamente cas cidades máis importantes da contorna.

Nos seus tempos en Jaén xa tivera cargos de responsabilidade na empresa encargada de realizar a liña de ferrocarríl entre Baeza e Utiel. Será neste momento, a finais dos anos vinte, cando debate con Eduardo Blanco Amor a través da prensa, co seu artigo Nuestros ferrocarriles y los ferrocarriles de América: Contestando a Blanco Amor cun exhaustivo repaso das distancias e os tempos do referido transporte nos dous continentes.

E xa unha década antes, aproveitando unha visita de Primo de Rivera a Galicia, tiña publicado en numerosos xornais estudos sobre a necesidade dunha nova liña ferroviaria que mellorase esta zona de Galicia:

“Atraviesa una de las comarca más florecientes de Galicia, y su construcción sería manantial inagotable de riqueza para la zona vasta y progresiva de los antiguos nerios. (…) Bergantinños, tierra fértil, región ganadera; Buño, el Alcorcón gallego, de donde se exporta tanta alfarería; las aguas minerales de Carballo y Arteijo; los valles, siempre lozanos, de Vimianzo, Zas y Villastose; Puenteceso, Corme, Lage, Mugía, Camariñas, Puente del Puerto y Finisterre, exportadores de pescado, madera y encajes; Bayo, Corcoesto y Brandomil, con sus minas de oro sin explotar por la falta de vías de comunicación; Corcubión, Cee, Ezaro y El Pindo, donde al turista se le ofrecen los paisajes bellos y variados que la fantasía humana pueda soñar, y donde existen tantos proyectos de industrias que esperan el silbido de la locomotora para empezar a producir…”

En definitiva,a mente inquieta de Pepe Miñones e a súa acción entusiasta e comprometida, provocaron que durante moitos anos estivese nas páxinas da prensa galega un debate que, case cen anos despois, parece que segue de plena actualidade.

Extraído da obra de Luís Lamela

Fontes:
Luís Lamela – Pepe Miñones: Un crimen en la leyenda (1900 – 1936), Ediciós do Castro, 1991.