Pepe Miñones e a política: de Corcubión á Fronte Popular

A participación política de Pepe Miñones hai que entendela sempre dentro do período da II República.

Comeza en 1931, cando decide crear o Partido Socialista Agrario para participar das eleccións municipais de Corcubión que suporán o fin da monarquía, obtendo en moi pouco tempo seis dos nove concelleiros en xogo. Algúns dos seus inimigos a nivel local presentan unha reclamación, obrigando a repetir as eleccións o 31 de maio onde Miñones obterá oito dos nove concelleiros.

Nas eleccións constituíntes, dous meses despois das municipais, ten que participar do partido de Gerardo Abad Conde, a Alianza Republicana que fracasará estrepitosamente dentro do Partido Radical de Lerroux.

Pero mantén a súa teima de ser deputado pola súa terra e é aquí cando se traslada a vivir a Galicia, sendo neste momento cando crea a Electra Popular Coruñesa, delegando o resto dos negocios nos seus irmáns. Será tamén nesta época cando comece os seus contactos ca masonería, influenciado pola presenza de César Alvajar.

En novembro de 1933 por fin consegue a súa acta de deputado. A partir de aquí comeza o escoramento á dereita de Lerroux que provoca unha escisión no Partido Radical, marchando personalidades como a de Pepe Miñones cun novo lider: Martínez Barrio. Este abandono tamén ven dado polo pacto de Lerroux ca CEDA, onde estaba un dos maiores inimigos políticos de Miñones, Benito Blanco Rajoy.

Durante toda a súa vida foi atacado duramente polos conservadores que non podían comprender a defensa do progreso que facía unha personalidade como Miñones, saído da burguesía local. Ademais loitou polo Estatuto galego e trala desaparición da ORGA tratou de conformar un partido republicano de corte galeguista

Con Martínez Barrio pasou ao Partido Radical Demócrata e despois á Unión Republicana, ca que acadaría novamente a acta de deputado integrando as filas da Fronte Popular en 1936.

Por desgraza o levantamento fascista remataría ca carreira política de Pepe Miñones, fusilado no Campo da Rata da Coruña, truncando deste modo a vida dunha das figuras máis senlleiras da política galega no período republicano.

Un dos documentos de Pepe Miñones recuperados no Proxecto Nomes e Voces