O Pepe Miñones bibliotecario

De Pepe Miñones xa sabemos aspectos da súa participación política, dos seus negocios e da súa vertente xornalística. Atribúeselle tamén, ademais de todo o mencionado, a creación de dúas bibliotecas.

Unha delas é a Biblioteca de Estudios Políticos, Sociales y Económicos, formaba parte da sociedade presidida por Ossorio Gallardo e que facía unha oposición constante á ditadura de Primo de Rivera.

E outra sería unha biblioteca rodante a principios dos anos vinte, que como conta Luís Lamela, foi das primeiras que houbo en Galicia deste tipo. Da man de Pepe Miñones sae o Regulamento deste centro, con normas coma:

“El socio podrá retener la obra en su poder durante OCHO DÍAS; y si transcurrido este plazo, aún no hubiere devuelto el volumen que recibió, abonará su importe al encargado de la Biblioteca, quién le entregará un justificante que le acredite haber cumplido con lo preceptuado en este articulo”

Incluso no Casino de Madrid existe un exemplar do terceiro volume da Ópera Omnia de Valle Inclán dedicado ao bibliotecario José Miñones. A propia institución narra como o escritor arousano foi convidado ao Liceo de Artesanos de Corcubión, onde Miñones, “bibliotecario de la sociedad” presenta a don Ramón, que será nese momento cando asine a dedicatoria da obra:

Recordando la lectura hecha en la noche del 17 de septiembre de La Marquesa Rosalinda ofrece este ejemplar a su amigo José Miñones. Valle Inclán Corcubión 18 de septiembre 1925.

Como xa temos visto, o paso de Pepe Miñones polo panorama cultural galego esténdese a diferentes eidos, xa non só da prensa ou neste caso das bibliotecas, senón que ata será un recoñecido actor de teatro. En definitiva, unha figura tan completa e complexa como a de Pepe Miñones é imposible que desapareza incluso tralo seu fusilamento.

Fontes:
CASINO DE MADRID – Extravagancias de nuestra biblioteca.
Luís Lamela – Pepe Miñones: Un crimen en la leyenda – 1991, Ediciós do Castro.