Diego Gaspar con Grandio e Souto o 18 de febreiro na Casares. 18 de febreiro do 2016.

Diego Gaspar Celaya (Zaragoza, 1982) estreouse en twitter o mesmo tempo que a súa última obra se encadernaba na imprenta. Fixo cun chío no que recordaba oitenta anos atrás eran os españois os que agardan as fronteiras de Europa e de América. O investigador aragonés presentará este xoves na Coruña, invitado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, un texto que resume a súa tese de doutoramento na Universidade de Zaragoza baixo a dirección de Julián Casanova. La guerra continúa. Voluntarios españoles al servicio de la Francia Libre (Marcial Pons Ed.) recupera as peripecias de máis de un millar de combatentes españois, soldados do vencido Exército Republicano e milicianos, que proseguiron a loita contra o fascismo despois do ano 39. Voces xa apagadas, inda que Gaspar Celaya tivo ocasión de entrevistarse con algúns. Manuel, Rafael e Luis, no 2009, a última vez que os viu xuntos. Na homenaxe que lles rendeu o concello de París. Foi en Francia, hai uns anos, cursando o Erasmus, cando Gaspar Celaya descubriu un campo de estudo no que había moito que rozar. “As explicacións sobre a participación española na Resistencia eran escasas e curtas. E iso dentro de unha historiografía tan potente como a francesa que está desvelando ese enorme e complexo enigma da Resistencia”.

– Cal foi a pregunta que o levou ata ese millar de historias?

– A pregunta foi polos actores ocultos niso que se chama Resistencia e que fóra de Francia nos tomamos un pouco á lixeira. Actores que se empezaban a identificar. Para min son tres: os estranxeiros, as mulleres e a poboación colonial da época. E nos dous primeiros grupos houbo moitas e moitos españois. Polo camiño topeime cunha serie de mitos, mesmo lendas, que foran escritas. Hai que recoñecer o esforzo dos que lograron manter a memoria. Pero eu quería saber o por que e o como daqueles soldados que encadearon unha guerra con outra.

– Que pautas comúns achou?

– Eran mozos, o primeiro. E solteiros, a maioría. Eran exiliados e soldados. Eran xentes con experiencia militar. Algúns decidiron sumarse á loita contra Hitler para saír dos campos de refuxiados; para outros simplemente foi unha continuidade lóxica da loita que comezaran en España. Si falamos de compromiso, habería que matizalo. Penso que non o puñan de manifesto, non eran militantes por riba de todo. Pero a ollos de Franco si que o eran, e as leis que promulgou condenáronos a un exilio definitivo. O final da Segunda Guerra Mundial non se sentían seguros para volver, o goberno francés concedeulle a carta de natureza e ficaron alá. Pouco a pouco fóronse integrando, creando familias que non puideran crear antes e despregando un esforzo tremendo por facerse invisibles. Iso é o máis sorprendente. Ninguén recoñecía o que fixeron, e eles ocultárono mesmo a seus fillos. Tivo que pasar unha xeración. Tiveron que ser os netos. Son os que reclamaran a contribución dos avós republicanos españois á identidade francesa.

– Pero gañaran unha guerra, venceran o fascismo.

– Si algo eran, eran antifascistas. Non hai dúbida. Así o expresaban cando falaban dunha loita internacional. Pero a súa motivación última era a reconquista de España. O episodio do Val de Arán sinala perfectamente a motivación. Perderan a guerra contra Franco e gañaran a guerra contra Hitler. Pero remataron sendo perdedores. A actitude das democracias occidentais despois da Segunda Guerra supuxo unha decepción moi fonda. Franco pasou a ser un aliado das democracias como freo do comunismo. Era lóxico que decidiran facerse invisibles.

– Como documentou todas estas vidas?

– Pois pasei tres anos pechados nos arquivos franceses. Había cousas escritas, testemuñas persoais ou familiares. Fixen un balance de todo iso. Teñen o seu valor. Pero había que ir un por un, seguindo o rastro nos arquivos porque quedaban poucos vivos. O que quería era saber o que pasou antes das grandes fazañas, o que pasou en La Nueve antes da súa entrada no París liberado. Francisco Bernal, por exemplo, era irmán de Martín, un dos mandos da Nueve. Seguiu os pasos do seu irmán, pero para saír do campo alistouse nun Grupo de Traballadores Estranxeiros, non na Lexión. Foi capturado polos alemás e pasou cinco anos en Mauthausen fabricando armas nun subterráneo.

– Con que lección persoal se queda?

– A do sacrificio. E que son, cada unha, historias dignas de contarse. Máis alá da fuxida, dos campos, das batallas… o que chama a atención e toda esa firmeza. Foron xentes que acreditaron nun determinado tipo de sociedade, e pensaron que era posible, que pagaba a pena defender a liberdade, loitar por ela e reconquistala para os que viñeran detrás.