Testemuño de Camilo de Dios recollido en Sandiás a finais de marzo deste ano pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Camilo na actualidade frente a súa casa en Sandiás

Camilo na actualidade frente a súa casa en Sandiás

Ó estallar a guerra, meus pais, que eran comunistas, fuxiron a Portugal. A meu irmán Perfecto, o que morreu, recolleuno a avoa paterna; ó que segue vivo, e está aquí

[en Sandiás, A Limia], recollérono os padriños, un matrimonio que non tiña fillos, o home era irmán da avoa; a min recolléronme meus tíos, irmáns da miña nai. Foi ó primeiro ou segundo día de empezar a guerra. Escaparon cinco ou seis de aquí do pobo. Aquí había unha célula do partido e tiñan bandeira e todo. Estiveron esperando que lle mandaran armas para defender a República. Pero tiveron que escapar. Meus pais pertencían o PCE desde o 32. Foran captados por Benigno Álvarez, o veterinario de Maceda, que practicamente foi o fundador de partido en Ourense, tamén estaban Juan Novoa e o irmán, Manolo Novoa, que tamén o mataron, e matáronlle un fillo. O Juan tamén lle mataron un fillo, Máximo, que tiña por nome de guerra Tirso. Eles captaran o meu pai e el captou a miña nai. Aquí facíanse reunións, e tiñan unha bandeira e daban vivas a Rusia. Esa era a acusación que tiñan. Estiveron catro anos escondidos. Volveron no 40 escondidos e preparouse a cousa para que poideran… porque meu pai estaba moi enfermo do corazón. A Garda Civil de aquí recibiu orde do Comandante Xuíz de Ourense -Soto, creo que se chamaba- para que detiveran a Jesús e a Antonio de Dios e que os presentasen para o outro día a mañá no cuartel sen un rasguño, que o sarxento respondería por eles. E, efectivamente, detivéronos e levaranos para Ourense. Había outro Antonio, Fernández, curmán da miña que era mestre, e ese non se presentou. A miña nai, Carmen, tamén a detiveron. Durmiron en Xinzo e para o outro día leváronos para Ourense. Creo que non chegaron a botar dous meses. Volvían para a casa con toda a tranquilidade, pero xa nos roubaran as vacas, roubáronos os porcos, vendéronos a casa. Montaran un cuartel da Falange nela. Foi unha expropiación militar. Quitáronlles as herdanzas a meu pai e a miña nai. Os meus irmáns, o Perfecto e o Tito estiveran vivindo aí nas Pegas i eu en Coellos. Viámonos na escola porque a escola era aquí no pobo. Comiamos xuntos o día das matanzas e esas cousas. Cando volveron meus pais xuntámonos na casa que meus pais tiveron que comprar. Ós meus tíos non lle quitaran nada. Eramos familia de labradores pero máis ben labradores clase alta. Había gando, había terras, patacas. Foi posible grazas á intervención dun avogado mozo, Luis Romero Becerra, que despois foi alcalde de Xinzo moitos anos, que de alférez na guerra entrou como secretario do Comandante Xuíz. El preparou as cousas para que se arranxara todo. O pai era o da contribución, tiñan a banca Romero, tiñan medio Xinzo. E meu estivera de chofer alí con eles. Grazas a eles puido salvarse. O pai, Gaspar Romero, comprou a casa, comprou as terras, e volveullo ceder todo a meu pai. En xullo do 40 foi cando se resolveu todo iso.

Os pais de Camilo o día que casaron, nos anos vinte

Os pais de Camilo o día que casaron, nos anos vinte

A vida era jodida porque empezamos cunha crise económica terrible, que a tiña o país, e na miña casa máis porque había que empezar a pagar, amortizar a casa e as terras. Meu pai tiña maquinaria para montar unha fábrica de chocolate e desaparecera toda. Roubáronos as vacas os falanxistas, vendéronas en Vilar de Santos e foron para Allariz. Demos con elas pero inda así tardamos nove meses en recuperalas. Fame non pasamos porque as terras producía e eu xa tiña doce anos e meu irmán case catorce. Eramos rapaces pero corpulentos. Defendémonos e meus tíos botaban unha man. Eran familias largas. Por un lado eran sete irmáns, polo outro eran dez. Entón sempre había alguén que nos estaba orientando como había que traballar, como había que facer as cousas. Meu pai morreu o 14 de xaneiro do 45. Hai empezou o meu primeiro problema. A que facía aquí de xefa da Falange véusenos sentar nun poio de pedra na casa a cantalo himno falanxista. Eu saín cun pau e deille unha zurra moi grande. Miña nai quería saír, meus tíos tamén, pero empezaron os veciños a dicirlles que non, que se ían a comprometer e tal e cal. Pero eu non esperei a razóns. Cando se deron conta ela xa berraba pedindo auxilio, xa sangraba pola cabeza. E despois escapeime. Andei escapado ós doce anos. De día estaba no monte e de noite ía durmir debaixo dun palleiro cerca da casa da avoa. E durmía alí có can da casa e levábanme algo de comer porque as casas vixiábanas. Botei moi poucos días, porque lle naceu unha filla a un tío meu, o Julio, e veu o Coronel Carlos Zabaleta, coronel en Pontevedra. Veulle de padriño, que fixera a guerra con el. Me tío lle axudara porque ían por aí polos pobos requisando, e el entendía algo de gando. Requisábanlle o becerriño á xente e dábanlle un recibo para que foran cobrar ós cuarteis e non lle pagaron nunca. Presentoume ó coronel e non pasou nada, nin me bateron nin nada. Meus pais seguían activos na clandestinidade con catro ou cinco veciños máis. Algúns escaparon para Cuba despois, outros están por aí… déronlle propinas ó cura e o alcalde para que non se meteran con eles. O pai falaba moito con nós e comprounos algún libro para que foramos lendo algo. Nós sabiamos das reunións. O mestre non era mala persoa e fíxonos un gran favor. O cura fíxonos outro gran favor. Non nos deixou ir á igrexa sequera porque eramos fillos de roxos. Unha filla dun mestre, que inda non era mestra, levounos a facer a Primeira Comunión. O cura deulle a man a bicar a todos e cando chegou onde nós dixo que non, dixo que a estes non que son fillos de roxos e non caben na Igrexa. Aquelo márcate. Naquela idade márcate. Porque cando rifabamos con outros rapaces, que era a diario, pola partida da billarda ou calquera cousa, dicíanos: “claro, a vós ata o cura vos botou da igrexa’. Esas cousas joden.

Camilo ten 84 anos na actualidade

Camilo ten 84 anos na actualidade

Nós non eramos nada daquela, mais era unha rebeldía o que tiñamos porque víamos as inxustizas. Meu irmán estaba algo mellor preparado que eu, porque era maior e foi a Ourense prepararse un pouco. Na academia do Rubén tomou contacto… os país de Carlos Núñez que tamén tiñan un academia, e a xente coñecíase. El era o fillo do Jesús, meu irmán tiña máis actitudes para o estudo que para o traballo. Entón mandárono para alí e tomou contacto coas Xuventudes Socialistas Unificadas, con Máximo Novoa, Pallares, Rubén, que era o da academia no Parque de San Lázaro, con Manolito Novoa, con Antonio Pérez, con Benjamín Silva, con Sampaio, con Manolo Grande, con Sindo, con Tres cadelas que era anarquista, con Félix Vilar que tamén era anarquista e colaboraba con nós. Non tiñan organización e colaboraba coas Xuventudes. En Ourense facían propaganda. Panfletos con Franco na forca e por debaixo unhas letras e tal. Os rapaces eramos moi malos de coller. Porque tampouco desconfiaban. Eu repartía aquí. A Ourense ía moi pouco, e cando ía, ía buscar roupa. Había dúas xastrerías e un guarnicionero que facía as fundas para as pistolas e correaxes, esas cousas había que as ir buscar. Fun a moitos sitios. Cunha coroíña e cunha sotaniña, eu pasaba.. ía disfrazado de curiña e levaba un misal romano, levaba estampas de Santa Teresa de Jesús. Logo estaba namorado de Santa Teresa de tanto ler nos poemas. Pasei munición e pezas para metralletas. Na fábrica de armas da Coruña había armeiros moi bos e en Ferrol tamén. Estaban os irmáns Fraga Pita, Benigno e José, e coñeciámonos todos. Era polo 45 ou 46. Foi cando terminada a Guerra Mundial empezou a pasar o maqui. Co pase dos maquis reavívase a cousa aquí, porque pensamos, sempre se pensou, que nos ían a axudar os aliados. Terminado o fascismo alemán, Italia e Xapón, pois queda España e queda Portugal. Pensamos: vanos axudar. Foi tamén cando a creación do GRIL, o Grupo Revolucionario Ibérico de Liberación. Empezaron a xurdir grupos tanto en Portugal como desta parte. Eran grupos de xente que estaban no monte, inda non eran guerrilleiros, eran máis ben fuxidos. Eran xentes que tiñan que dar golpes económicos porque as familias xa non podían sostelos ou non tiña forma de contactar cá familia porque estaba todo moi perseguido e moi vixiado. Aquí máis ben os organizou o Partido Socialista e a UGT e a CNT, máis que nada a CNT. Nos faciamos de enlaces con estes xastres cando eles non podían saír, porque eles pagaban unha matrícula de vendedores ambulantes e collían unhas camisas e unhas chaquetas e sabían onde as tiñan que deixar. Pero tamén sabían que os podían vixiar. E dos rapaces non desconfiaban. Collías as cousas, metíalas nun saco e traíalas coma calquera cousa. A nai tamén era enlace. Aquelas cousas que eran un pouco máis serias ía ela.

Camilo, cá cineasta Helena Villares e unha compañeira, durante a rodaxe dun documental na Cidade da Selva, no macizo central ourensán, a principios dos anos 2000.

Camilo, cá cineasta Helena Villares e unha compañeira, durante a rodaxe dun documental na Cidade da Selva, no macizo central ourensán, a principios dos anos 2000.

Desde que se organizou a guerrilla, fíxose a Federación de Guerrillas Astur-Galaico-Leonesa, repartíronse as zonas. Despois naceu o que se chamou a Unión Nacional, até que no 48 os socialistas abandonaron a loita armada. Aquí retiraron a uns vinte oito dos que había na nosa agrupación. Ourense precisamente tiña dúas agrupacións. Había moito socialista, algúns cenetistas. Para que non houbese problemas formáronse as dúas agrupacións e os mandos eran socialistas e comunistas. Formouse a I Agrupación con socialistas, Marcelino Fernández Villanueva, o Gafas, e uns cantos máis, César Ríos, que era comunista. A Primeira andaba por Asturias, León, A Bañeza. Nós dabámoslle apoio á Segunda, que era a que andaba por esta zona. Teño mapas daquela época. Iso metíase debaixo dunha pedra entre dúas táboas onde non chovera. Na pedra da entrada da corte, por exemplo, para que o estrume non se viñese fóra. Os mapas había que entregarllos ós grupos para que un grupo non se metese no terreo de outro. Era parte da estratexia militar. Para que non fora ser que un grupo saíse da súa zona e andara a tiros con outro. As división facíanse por ríos e por pobos. Aquí houbo bastante actividade naquela época, na zona de Bande e por aí. Había un grupo por Bande e Entrimo dun que agora non recordo como se chamaba o que acabaron dándolle garrote en Ourense. Facían requisa de armas e algún golpe económico porque había que subvencionarse. Meus tíos tiñan armas na casa, foran a guerra todos, e no campo os rapaces manexabamos igual pistolas que escopetas. A meu irmán Tito lle gustaban tanto que tiñan que llas esconder cando ía a casa dos tíos. O Julio tiña un nove largo bo, o Francisco tiña un 7,65. O Julio estaba de Garda de Asalto cando empezou a guerra e botouse fóra, entón mobilizárono á fronteira, a vixiar con gardas civís e falanxistas. Había outro traballo que era importante. Ós aviadores aliados que caían en terreo francés derribados polos alemáns, ós que sobrevivían, pasábanos por San Juan de Luz ou por Cataluña, o pasante de Cataluña chamábase José Gros. E pasábanllos á guerrilla a Galicia porque de aquí pasaban a Portugal porque Portugal sempre tivo mi boa relación cós ingleses. E devolvíaos e volvían incorporarse a guerra. Nunha desas, como agradecemento, uns aviadores canadianos quixeron traer armas, cartos e medicinas para a guerrilla. Non sei se chocou ou derribaron, pero o avión estrelouse aí na zona de Calvos de Randín. Foi despois de terminada a Guerra. Inda hai poucos días escribiu un xornalista na Región sobre iso. Eles matáronse, e alí nun pobo ó lado de Calvos fixéronlles as caixas, e despois non cabían nelas e tiveron que lles cortar as pernas. Eran moi altos. O mellor enlace que tiñamos era o Inglés, o encargado de negocios con valixa diplomática, era o enxeñeiro  de minas na Penouta i era sueco. En Portugal se estaba organizando o GRIL, estaba Humberto Delgado, Abel Pratas, Teodosio Cabral, que eran capitáns do Exército, estaba Enrique Galvâo, o do barco Santa María; aquí estaba Mosquera, o coronel Benito, un tenente coronel de aviación Frutos, que voaba nunha avioneta sobre Gredos e morreu alí.

Camilo de Dios, no centro, xunto a Antonio Pérez, outro dos compoñentes daquela guerrilla de choque, e un capitán dos Gardas de Asalto, na prisión do Dueso, nos cincuenta.

Camilo de Dios, no centro, xunto a Antonio Pérez, outro dos compoñentes daquela guerrilla de choque, e un capitán dos Gardas de Asalto, na prisión do Dueso, nos cincuenta.

Vou ser sincero, deixei a casa case porque quixen. Non porque quixera acción, non, non. O que pasa e que parou aí, fronte a casa, un camión da Garda Civil. Daquela viaxaban en camións… e estaban cinco ou seis guerrilleiros ceando dentro. A mina mandáranme regar un prado que está aí no fondo do pobo no sitio que lle chamamos A Molinera para que vixiase algo, se vía movementos ou esas cousas en canto eles ceaban. Cando volvín xa non había ninguén na casa. Estaba o camión da garda civil. Pararan porque había un garda de aí de Cerradelos que lle chamaban o Santos e lle traían as patacas nun carro, e pararon aí a ver si lle estaban as patacas. Pero, claro, iso soubémolo despois. Miña nai e meu irmán pensaron que os viñan a deter e escaparon todos monte arriba. Eu cando cheguei e non vin a ninguén na casa xa me din conta que nalgún sitio ían. Deiteime e para outro día inda lle fun matar un cabrito á Celia. Estiven alí e a noite vin que non volvera a familia e xa empecei a preocuparme. Veu un veciño, veume buscar para que me fose onde a nai e o irmán que estaban escondidos en tal sitio. E xa non me deixaron volver para a casa. E resulta que a Garda Civil viña buscar unhas sacas de patacas. Pero o que facían daquela era queimar a casa onde sabían que estaban dentro. Como queimaron a do Epifanio en Sabucedo, acababan de queimar unha en Pazos de Codesedo, onde A Forxa, outra en Calvos, en fin… Eu tiña 15 anos. E xa fun ó que lle chamabamos o Cuartel General. Alí estaba a Federación de Guerrillas, e déronos unha pequena instrución e xa nos distribuíron. Estabamos a nai, meu irmán Perfecto i eu, no Balneario. Xente non había moita máis que cando se celebraba unha reunión ou o final de ano. Non está moi lonxe de aquí, pero hai que dar moita volta e subir as serras. A dirección reuníase máis ben na zona da Bañeza e O Barco, porque de alí había máis número que de aquí. A xente ía e viña. Chegaban e recibían ordenes e cada un para a súa zona. Da II Agrupación, xente do partido marcharon cós socialistas dous ou tres que estaban feridos, tamén marcharon dúas irmáns, pero tamén quedaron socialistas que aceptaron as consignas do partido, quedaron tamén anarquistas.

Camilo, na súa habitación, có reloxo que lle deixou José María Saavedra, o compañeiro có que caeu en Ourense no 49

Camilo, na súa habitación, có reloxo que lle deixou José María Saavedra, o compañeiro có que caeu en Ourense no 49

Eu ía facer 16 cando marchei ó monte, e inda caín con 16 e fixen os 17 na Comandancia do Cuartel da Garda Civil alí en Ourense. Botei alí 59 días. Sen avogados, sen ver a ninguén, sen bañarme, sen lavarme, sen cambiar a roupa. O pantalón xa non tiña cuada, estaba sentado día e noite, e o calzón inda estaba enteiro pero era da cor do pantalón. Estiven alí desde do 19 de marzo ó 15 de maio, que me colleron no tren e leváronme para A Coruña. Tardei pouco en caer, meu irmán tardou algo máis. A política xa sabes como é, embróllaste, embróllaste e despois… desertar… Había moita disciplina moral e política. O adestramento era durísimo, había que aprender a saltar desde un tellado, desde unha ventá. No monte non había tellados, pero había árbores. Había que saltar dun árbore embaixo, tirarte a un río. Fomos á Coruña, entre seis, fomos a pé, claro, a liberar ós condenados a morte: Gaioso e Seoane, e a Josefina Cudeiro. Fomos cumprir unha misión. Alí estaba Pancho, o xefe da agrupación do Eume. Moncho xa se marchara para Cuba, Ponte caera morto, Foucellas inda estaba no monte pero estaba na zona de Pontevedra coa V Agrupación. Gaioso era de aquí de Maceda, da farmacia Gaioso, mestre, e con Benigno Álvarez, que era o veterinario, foron os fundadores d partido aquí. Nós coñecémolo moito, estivera na casa co meu pai. Entón organizouse un grupo. Primeiro formouse o que se lle chamou unha guerrilla de choque, ambulante. Eramos seis homes novos que puideran saltar polos penedos. Hoxe teño máis anos pero non me atrevía a facer o que fixen daquela con 16. Eu fun o que entrei ó cárcere. A cuestión é que pensabamos bombardear aquelo todo con bombas de man. Os oito da Coruña, a agrupación de Pancho, foron os que prepararon a cousa. O que mandaba por aquí era Saúl Mallo. Tamén nos coñecía. Ordenaron de liberalos, tardamos seis días en chegar. Non era fácil porque os enlaces había que utilizalos onde os había. Foi máis fácil desde Bandeira, pero até alí non tiñamos enlaces en todos os pobos. Nós non coñecíamos os camiños por esas zonas. Os de Pontevedra quedaron en vir pero non apareceron, Foucellas. O enlace da Bandeira, Francisco Pichel, coñecía as corredoiras todas. A Garda Civil chamáballe o terror da Bandeira, coñecíano, estivera detido no 36, pero logo nunca o puideran pillar en nada. Nun punto esperábanos un barco que viña cós do Eume. Xa montamos todos. Pero parece ser que viña un comandante da Garda Civil introducido no grupo do Eume. Descargounos o barco na praia que hai onde a Torre. No momento que estabamos alí diante do cárcere, nas hortas, viunos un soldado que lle levaba a cea ó tenente de garda. Tivemos que collelo. E era delgadiño, alto, e eu era ó que mellor me acomodaba á roupa do soldado. E collín e leveille a cea ó tenente. Abríronme a porta, entrei ó cárcere e fun polo corredor, era estreito, de tres o catro metros de ancho. Nas esquinas estaban as garitas dos gardas. E xa vexo alí metralladoras e gardas civís. Tirei cá bandexa e saín correndo. Pero como levaba o traxe de soldado, pois non me dispararon. Eles esperaban que entrásemos bombardeando aquelo con bombas de man. Iso era como estaba proxectado polo comandante Alejos Mora, o que estaba infiltrado. Entón saín correndo e díxenlles que nos estaban esperando. Houbo uns tiros. A min non me fritiron a balazos porque levaba o uniforme de soldado. Se non mátanme dez veces. Saímos a tiros. Xa non estaba a lancha. Grazas a Espartero, que era un enlace moi bo que tiñamos. Este Espartero era de Betanzos. Chamábase Baio, de apelido. E Baio era o cabalo de Espartero, por iso o alcume. Todos tiñamos nomes supostos porque te podía escoitar calquera falando con outro, mesmo un de noite mexando nunha esquina e pasabas falando, que procurabamos non falar. Podías soltar un nome e alguén o escoitaba. Sacounos de alí, entre el e un tal José María Amor Lendoiro, que era nacionalista. Non sei que relación tiña el con Castelao. Era un nacionalista moi moderado. Aquela guerrilla de choque estaba mandada por Juan Sorga, que era de Vilar de Barrio, que fora tenente na guerra. Por idades, o seguinte era José María Saavedra, socialista, de Ferrol, este viñera con Saúl Mallo e con Benigno Fraga Pita, que era o comisario político, escapara para aquí despois da caída de Vilaboy. Despois estaban Antonio Pérez Barreiros, Manolito Novoa e Manuel González Rodríguez, a este déronlle garrote en Ourense, collérono có meu irmán.

 

Camilo, cunha caixa cás botas de seu irmán que estaban entre os restos que atopou nunha fosa en Ávila hai un ano. A Perfecto fíxolle unha homenaxe en Xinzo antes de soterralo no cemiterio de Sandiás.

Camilo, cunha caixa cás botas de seu irmán que estaban entre os restos que atopou nunha fosa en Ávila hai un ano. A Perfecto fíxolle unha homenaxe en Xinzo antes de soterralo no cemiterio de Sandiás.

Diploma da homenaxe que rendeu á Guerrilla o Congreso no 2003.

Diploma da homenaxe que rendeu á Guerrilla o Congreso no 2003.

O que tiña que nós levar a comida non chegou con ela… nunca soubemos como foi, non sabemos se o colleron e cantou… Alguén nos descubriu, ou nos detectou. A cuestión é que estabamos comendo, de frío, alí nunhas viñas. Nun momento estabamos cercados e caeu un morterazo alí onda min. Eu fora ferido nunha perna e tiña inchado o pé, estaba sen a bota e inda tiven que ila buscar onde unhas acacias, saíu disparada cá granada. Estabamos cercados pola Garda Civil, polos Carabineros, a Policía Armada e o Exército. A min colleume xa o Exército. Queimaron unha casa alí na praza das Mercedes, unha casa de catro pisos, e alí foi onde me colleron a min. Nos viñamos a Ourense a cumprir unha misión. Íamos os seis a facer tres golpes simultáneos en Ourense aquela noite, o día de san José. Quizais fomos un pouco imprudentes porque baixaron á cidade buscando a Félix Villar, que era anarquista e marchou para Francia, para que lles dixera onde estaba unha das tres persoas que íamos a eliminar. Íamos a por tres xefes da Garda Civil, e eles sabíano. Non sabemos por quen, pero sabíano porque os primeiros golpes que levamos despois foi para que dixeramos cales eran os obxectivos. Nas primeiras torturas, os primeiros dedos que nos machacaron. A Antonio e a min. Antonio tirouse do ponte nove embaixo, era un gran nadador, pero collérono cunha barca. Ó Manolito xa morreu arriba onde caeron os morterazos, a aquel xa lle abriron o peito alí. Cando estabamos comendo nos metrallaron, pero rompemos o cerco. Morreu un capitán, que era de Xinzo, morreu un sarxento e dous gardas. Rompemos o cerco e sen darnos conta, José María i eu, en retirada, fómonos meter ó cuartel de Infantería, na cidade. E démonos conta cando vimos a un sarxento cuns soldados emprazando alí unha metralladora. Eu non coñecía aquela parte de Ourense i o outro era de Ferrol… Saímos e metémonos nunha casa de catro pisos que había alí nas Mercedes. Botaron á xente fóra e a morterazos desde o cuartel queimaron a casa. Alí é onde eu caín ferido, xa de máis gravidade. José María pegouse un tiro. Díxome que llo pegase eu, pero el tiña a man esquerda sa, porque a dereita lla desfixeran cunha granada, saqueille a pistola da funda, mire se estaba montada e metinlla na man e pegouse el o tiro. Véxolle o ollo colgando, sen moas, cuspindo sangue… e dixen, bueno, pois está morto. E non o rematei precisamente por iso. E tres meses despois topeino no cárcere da Coruña, levárano para Ferrol, torturárano alí á torta e á dereita, por iso caeu tanta xente de Mugardos e da de por alá. Déronlle garrote vil na Coruña. O día que o mataron pasei a noite máis amarga da miña vida. Deixoume un reloxo de herdanza. Inda o teño na casa, colgado no espello da habitación. A min feríronme na cabeza, metralla dun rebo
te nunha parede ou calquera cousa.