PROXECTO ESPAZOS REPUBLICANOS

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH da Coruña), coa colaboración do Concello da Coruña, inaugurou en decembro de 2019 a Exposición “ESPAZOS REPUBLICANOS (A Coruña, do 14 de abril de 1931 ao 18 de xullo de 1936)”.

Espazos Republicanos é un proxecto froito dun traballo coral que achega a visión de arquitectos, xornalistas, historiadores ou docentes, entre outras moitas persoas que comparten a sensibilidade do ideario republicano e que buscan que a cidadanía poida situar e recoñecer algúns destes espazos que xa forman parte da Memoria colectiva da arquitectura coruñesa.

A recuperación da memoria histórica e republicana da cidade da Coruña, dende o ámbito da arquitectura, pasa por mostrar onde están situados estes espazos públicos que nos remiten a este ideario republicano que desexaban plasmar arquitectos como Caridad Mateo, Antonio Tenreiro ou Rey Pedreira, que percibían as edificacións como proxectos urbanos complexos para o uso da cidadanía. Non era só arquitectura. Estes profesionais proxectaban espazos de formación, de educación, de lecer, de cultura…, é dicir, trasladaban coa súa obra a necesidade de xerar espazos públicos de calidade, inspiradores de valores democráticos e fieis ao reflexo das expresións dunha sociedade moderna.

É a República a que, pola súa idea de europeísmo, vaille dar a palabra a aqueles arquitectos que, se ben estaban marxinados, agora van contemplar proxectos de modernidade e de calidade, non só para o centro da cidade, senón para os barrios obreiros. Toda esta idea de concepción de República e vangarda sintetizarase dende 1931 ata 1936, ano no que estes proxectos se frustrarían polo Golpe de Estado e posterior Guerra Civil.

A exposición (con paneis, maquetas e vídeos) está impulsada polo arquitecto e socio da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Xosé Lois Martínez Suárez, coa colaboración do Concello da Coruña que, partindo do plano da cidade encargado a Fermín Gutiérrez no ano 1931, viu a necesidade de reflectir como eran os Espazos Republicanos da nosa cidade.

CARTEL

DÍPTICO

PANEIS